Obra finalista do XXI Premio “Vicente Risco” de Ciencias Sociais
En 1959 o catedrático da Universidade de Santiago, Ramón Otero Túñez, publica a obra: El escultor Francisco Asorey. Trátase dun completo estudo sobre a obra do escultor cambadés feito con testemuñas de primeira man, porque o escultor aínda vivía nesa data. Máis de 50 anos despois da publicación desa obra faise precisa unha revisión do legado artístico do escultor, feito á luz da evolución da historia da arte nos últimos anos e coa perspectiva dos anos transcorridos.
Este libro baséase nas investigacións realizadas para a tese de doutoramento defendida na USC en marzo de 2016 e que obtivo a cualificación de sobresaliente cum laude. Estrutúrase fundamentalmente en catro capítulos nos que se fai un percorrido pola traxectoria vital do artista e sobre todo un estudo das súas obras máis significativas. O primeiro capítulo aborda os anos de formación do escultor: Francisco Asorey nace en Cambados, Pontevedra, e marcha sendo un adolescente ao Colexio dos Salesianos de Sarriá, Barcelona, onde aprende o oficio de imaxineiro e toma contacto co estilo modernistasimbolista. Pasará logo ao Colexio, tamén Salesiano, de Barakaldo e logo a Madrid. Rodin foi un referente nestes anos. Todos os escultores do ambiente madrileño imitaban ao escultor francés, pero ao noso inquedo escultor non lle gusta o que ve e empeza a investigar, na busca dun camiño propio que atopará no primitivismo da escultura románica compostelá. En 1919 instálase definitivamente en Santiago. O segundo capítulo aborda as obras dos anos 20, moi vinculadas ao movemento nacionalista da Irmandades da Fala, do que o escultor foi membro. O terceiro capítulo céntrase nas obras dos anos 30, a culminación artística do escultor coa realización dos grandes monumentos como o de Curros na Coruña ou o de san Francisco en Santiago. A Guerra Civil tronza esta evolución e no capítulo cuarto estúdanse as obras posteriores á Guerra, o momento álxido da súa carreira xa pasara pero o artista realiza algunhas obras de gran calidade nesta etapa. Finalmente inclúese unha catalogación da obra de Francisco Asorey, onde se achegan fotografías e datos técnicos e na que se recollen 135 esculturas (algunhas delas inéditas), localizadas en monumentos, institucións ou coleccións particulares ou documentadas en libros ou fotografías.
Reviews
There are no reviews yet.